KUKAS premiado polo seu traballo...

Marcelino de Santiago (Kukas) recibiu xunto a Carmen Gallo e o equipo de Factoría Norte os premios OH á mellor escenografía e ó mellor espectáculo por Nora. Tamén ten no seu haber o premio Compostela de escenografía por Saxo tenor e o premio María Casares á mellor escenografía por O Cranio Furado. Asemade foi nomeado Xoglar de Outono 2011 polo FIOT de Carballo, e ten a Mención de Honor polo seu traballo no mundo dos bonecos do Centro de Documentación de Títeres de Bilbao.
Texto de Paula Carballeira:
KUKAS: O XOGLAR SEN LÍMITES
Cando un xoglar ou unha xoglaresa se pon diante dun público, esquece que o seu corpo ten límites, porque a imaxinación o leva moito máis alá, e o entusiasmo, e a ilusión de levar o público canda el ou canda ela. Pero hai casos, coma o de Kukas, nos que realmente se esvaen as fronteiras, e alí onde non pode chegar o corpo dun actor ou dunha actriz, chega a figura dun monicreque, dunha marioneta, de calquera obxecto que permanecía inanimado ata que Kukas lle botou o seu alento de xoglar.
Eu traballei con Kukas presentando o "Antroido dos Animais", onde a música e os monicreques levaban o público a terreos de xogo e poesía, coma sempre que a súa compañía colaborou coa Real Filarmonía de Galicia; pero téñolle visto como espectadora montaxes a partir de historias clásicas, de tradicións galegas, de textos de grandes autores que cobraban forma en siluetas de madeira. Téñolle visto "performances", pequenos monólogos, e non me sorprendería nada que con eses ollos brillantes que ten, Kukas coñecese tamén os segredos da maxia que a moitos de nós se nos escapan.
Kukas traballa para todos os públicos, porque en realidade o público é un, o que asiste á representación, con independencia da idade que teña. Kukas traballa con todos os materiais que chegan á súa man, porque non se trata dos corpos, senón das almas que el leva e trae, coma se fose un ser mítico. Kukas conseguiu demostrar que as marionetas, os monicreques, os títeres, podían contar calquera historia, especialmente as historias que os seres humanos temos máis dificultade para contar.
Eu non podo imaxinar a cidade de Santiago de Compostela sen os monicreques de Kukas, porque alí foi onde os coñecín. De igual maneira, quen vise os monicreques de Kukas por primeira vez en Carballo, descubriría o que toda unha traxectoria adicada a sacar vida do que en apariencia non a ten pode facer para enriquecer a nosa cultura.
Os xoglares e as xoglaresas pensamos que non temos límites, pero só en casos coma o de Kukas iso se achega á realidade, porque alá onde nós non chegamos, chegan os fíos da marioneta, a prolongación da man do titiriteiro. Kukas reúne a arte, a artesanía, a forza e o pulo de quen sempre loitou porque os seus soños cobrasen forma, e cobrasen forma así os soños dos demais. Marcelino de Santiago, Kukas, é un verdadeiro xoglar, un xoglar sen límites.